Friday 26 de April de 2024

Unha axente forestal da consellería de Medio Rural atopa a unha persoa desaparecida no Concello de Rois


O 112 solicitou para o operativo de busca a colaboración dos axentes forestais e das brigadas de bombeiros forestais

Catro axentes forestais e tres Brigadas de bombeiros forestais da consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia participaron na xornada de hoxe nun operativo de busca no Concello de Rois. A persoa desaparecida foi atopada esta mañá –en torno ás 12:00 horas- por unha das axentes forestais no monte de Vilar de Abade, na parroquia de Sarribas, no Concello de Rois. Segundo a información facilitada polo equipo desta operación, o home de 80 anos de idade estaba en perfecto estado de saúde.
Na noite do domingo, 2 de maio, rexistrouse unha denuncia por desaparición dun home en Rois, polo que o 112 iniciou o procedemento habitual nestes casos cun equipo formado por catro axentes forestais de dous distritos –Barbanza e Santiago-, tres brigadas de persoal das brigadas de bombeiros forestais –tamén destes distritos-, persoal da Guardia Civil e de Protección Civil.
Félix Pérez de la Fuente, presidente da Asociación Profesional de Axentes Forestais e Medioambientais de Galicia (Aprafoga), sinalou que dende a Asociación consideran “moi necesario traballar en equipo e colaborar entre os distintos profesionais, polo que agradecemos que se contase con membros da nosa organización neste operativo”. “Os axentes forestais estamos dispostos a colaborar en todas as accións nas que poidamos ser de axuda”, engadiu.